Galicia lidera en outubro o crecemento turístico estatal

En outubro rexistrouse un importante crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos do 15,5% ata situarse nos 334.816 viaxeiros. O nivel de pernoitas ascendeu tamén ata as 645.332, o que supón un 13,7% máis que no mesmo mes do pasado ano.

Esta é a primeira vez dende o ano 2010 no que a demanda hoteleira en Galicia amosa un comportamento positivo neste mes de outubro, circunstancia que se produce ademais de forma intensa o que leva a que a nosa Comunidade recupere en boa medida os niveis de demanda que tiña antes da crise. En termos porcentuais o crecemento deste ano aseméllase ao observado naquel Ano Xacobeo de 2010.

O bo comportamento da demanda produciuse como consecuencia do crecemento rexistrado polo turismo receptor. O turismo nacional mellorou as súas pernoitas nun 18,6%. Este crecemento destaca ademais de pola súa intensidade porque é o primeiro mes de outubro desde o Ano Xacobeo de 2010 que se observa unha mellora dos niveis de demanda deste segmento de mercado. 

Pola súa banda, o turismo internacional incrementouse nun 22,3% no referido ás pernoitas. Deste modo, continúa a senda marcada nestes últimos anos e marca novamente neste mes de outubro máximos históricos tanto de volume, superando por vez primeira a barreira dos 100.000 viaxeiros en outubro e rexistrando máis de 164.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, supoñendo xa o 30,4% dos viaxeiros e o 25,5% do total das pernoitas na Comunidade.


A nivel territorial experimentouse un comportamento homoxéneo da demanda hoteleira ao subir en todas as provincias e de maneira notable. A Coruña e Ourense rexistran un incremento do 20% nas pernoitas hoteleiras e en Lugo e Pontevedra a demanda sobe un 13% e un 4,7% respectivamente.