Máis ca unha celebración propiamente dita -por outra parte, lonxe de calquera tentación siquera tanxencialmente gabanciosa, o que certamente animou ao Consello Editorial a deseñar os contidos referenciais do presente e dos próximos dous números de HG&T, foi o valor documental reflectido nas propias páxinas da revista, testemuña dun cuarto de século de cambio decisivo no sector turístico-
dun país: unha nova maneira de traballar, de formarse,xa que logo, de producir, de xestionar, de entender a calidade de vida.
A dimensión obtida desta retrospectiva, os pasos dados polos diferentes actores ao longo dun tempo que se remonta ao último tercio do século XX e que encarrilou o que vai da presente centuria, aconsellou estruturar esta memoria a través de perto de duascentas edicións ao longo de vinte anos cruciais, en tres sucesivos grandes capítulos.
A saber:
Neste número 190, o devir de CEHOSGA, estreitamente xunguido nos inicios ao nacemento de HG&T, a través dunha alianza estratéxica acordada entre as dúas partes para que este puxante vector da economía dispuñera da ferramenta de comunicación que demandaban os empresarios e a sociedade destinataria presentía. Que teñamos superado estes catro lustros parece deixar demostrado a oportunidade da iniciativa e, nese contexto, situamos no mesmo plano connivente da emerxencia dos sectores por aquelas e seguintes calendas, o atento apoio das administracións públicas, nos planos formativo e promocional. Neste número, pois, un pespunte histórico do andado pola hostelería como empresa -patronal e traballadores- polo tanto coa referencia dos proveedores e equipamentos de tecnoloxía e servizos, o outro pé do banco no que sentou a evolución neste cuarto de século precedente.
No seguinte número (novembro-decembro), centraremos a memoria desta nosa historia recente e crucial, no sector alimentario, entendido no senso máis amplo: as producións agroalimentares, pesqueiras, a industria de transformación e suministro, a despensa requintada e as accións que propiciaron a "eclosión" eno-gastronómica e coquinaria. Coincidirá coa antesala do Nadal, así que ese número 191 de HG&T unirá ao seu valor documental, a orientación puntual para o consumo.
A terceira e última edición conmemorativo/retrospectiva (xa con vistas ao novo ano) centrarase nunha visión sobre os recursos turísticos do país, as iniciativas e políticas promocionais, os fitos e o antes e agora do produto turístico galego. Con elo pecharemos un periodo clave da nosa historia contemporánea. Un antes e un despois desta "notaría multisectorial" que ven sendo HG&T.