A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, participou esta tarde en Ibernáutica, o ciclo cultural e empresarial co
que culminou a Semana Abanca en A Coruña. Na súa intervención “Futuro e desenvolvemento do
turismo náutico en Galicia” Nava Castro expuxo os
principais recursos vinculados á práctica do turismo náutico en Galicia, dos
cales dixo “son envexables”.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que desde
a Administración turística galega estanse a realizar importantes esforzos para
desenvolver e promover este produto. “O noso obxectivo é implementar sinerxías
que nos permitan converter a práctica da náutica e os recursos a ela asociados
nun factor de desenvolvemento das localidades nas que se asentan”, sinalou na
súa intervención. “Así, poder configurar un produto global que dinamice a
economía e cree complementariedades para avanzar na consolidación do destino
Galicia”, engadiu.
O Plan Integral de Turismo de Galicia
salienta, entre as fortalezas da comunidade, a biodiversidade e a riqueza das
rías galegas, o liderado de Galicia a nivel nacional en praias e sendeiros con
Bandeira Azul, a existencia de eventos deportivos con alto potencial para xerar
fluxos turísticos e para articular novos produtos específicos e a oferta de
cruceiros que permite a chegada de novos fluxos turísticos. Deste xeito, a segunda liña do devandito plan
céntrase na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos
diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos.
Neste senso, Nava Castro explicou que un dos
produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico
que está incluído no Plan e co que se está a traballar é o turismo náutico.
Concretamente no documento inclúese como acción a impulsar, segundo explicou, a
organización, mellora e promoción da oferta relacionada co turismo náutico e o
seu acondicionamento para a recepción e atención de visitantes e
comercialización de experiencias turísticas complementarias que favorezan o
intercambio da estanza e o gasto medio diario dos viaxeiros.