O Paprica gaña o X Concurso de Tapas de Lugo

Tapa do Paprica
O gañador do décimo Concurso de Tapas de Lugo foi o restaurante Paprica, que concorreu cunha proposta de Lombo de pescada a baixa temperatura con crocante de arroz negro e xeado de tomate asado. O segundo clasificado foi o Restaurante España, que este ano elaborou unha tapa de Vieira, fideos de cabaciña aromatizados con soia e laranxa, e todo isto acompañado por tempura de codium fresco e caviar de soia, salsa de ostras e teriyaki. Finalmente, o restaurante Campos fíxose coa terceira posición grazas á súa proposta de Tronco de bonito á brasa sobre salsa de manga agridoce, cogomelo confeitado e xuliana de feixón salteado.
Tapa del España

Por outra banda, o xurado técnico concedeulle o premio de mellor tapa tradicional a El Riba, que concursou cunha Hamburguesa deconstruída de cogomelos e pementos con ovo ao alioli; ao Paprica outorgoulle o de mellor tapa creativa, mentres que Casa D’Auga conseguiu o de mellor maridaxe con viño da DO Ribeira Sacra grazas ao seu Tartar de carne recheo de queixo do Cebreiro Marqués de Cernadas.
Tapa del Campos

Ademais, Casa D’Auga recibiu a placa que o acredita como autor da mellor tapa elaborada con queixo Marqués de Cernadas, e Canela Bakery Coffee a de mellor tapa ecolóxica, consistente nun aperitivo de Xeado de iogur ecolóxico, tofe e Peta Zetas de chocolate.

O certame estivo organizado novamente pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl), co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, a queixería Marqués de Cernadas, Viajes Mundo Galaico e Cash-Ifa. Este ano participan un total de 50 negocios de hostalería do municipio, con tapas cuxo prezo oscilou entre 1 e 3 euros.