O Diario
Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe o rexistro do Pemento de Mougán
como produto con Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Con este trámite
complétase o proceso de recoñecemento deste produto no ámbito da Unión Europea,
aos efectos do seu recoñecemento e protección.
Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de
Mougán son os froitos da especie Capsicum
annuum,L., sendo a súa área de produción a constituída pola totalidade do
municipio de Guntín, en Lugo.
Precisamente o nome da denominación, “Mougán”, é un nome xeográfico que
se corresponde coa parroquia do concello de Guntín, dende onde partían no
transporte público os pementos destinados ao mercado da capital.
O Pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso, de cor verde en
estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado cun peso
que oscila entre os 6 e 15 gramos por unidade. A súa carne é de textura fina e
substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e, ás veces, picante.