Turismo de Galicia celebrou unha reunión de
seguimento do Plan Integral de Turismo de Galicia presentado a principios deste
ano polo Goberno da Xunta de Galicia como folla de ruta do sector turístico ata
o 2016. No encontro abordáronse os obxectivos estratéxicos
sectoriais plasmados no devandito Plan estratéxico. Así, tal e como se expuxo na
reunión, puido verse como moitos deles xa foron superados no que vai deste ano
2014 e como outros moitos están a punto de ser acadados.
Un dos principais obxectivos marcados no Plan
foi o relacionado co turismo internacional. O número de viaxeiros
internacionais que elixiron os establecementos regrados de Galicia nos últimos
12 meses acadou a cifra de 1.035.234, superando así o obxectivo previsto para
2016 dun millón. Así mesmo, o gasto total dos turistas internacionais nos
últimos 12 meses foi de máis de 855 millóns de euros, superando a cifra
obxectivo dos 836 millóns que establece o Plan.
En canto á cifra de viaxeiros aloxados en
establecementos regrados, nos doce últimos meses acadou os 3.987.343,
situándose moi preto dos 4 millóns establecidos polo Plan. Así, de manterse a tendencia
crecente dos últimos seis meses é previsible que no 2014 s acade dito
obxectivo.
Outra das metas estratéxicas de Turismo de
Galicia céntrase no tempo que o visitante está aloxado nun establecemento. Nos
establecementos regrados, a devandita estadía media do último ano é de 2,13
noites, situándose preto dos 2,5 días establecidos como horizonte; un obxectivo
moi ambicioso, dado que a estadía media é a primeira variable que se resinte
ante situacións económicas non favorables.
En canto aos indicadores turísticos, durante a
reunión destacouse o número de peregrinos que recibiu Compostela desde xaneiro a
outubro, o cal aumentou un 10,5% en relación ao mesmo período de 2013. Este
incremento é superior no mercado internacional, que experimenta unha notable
suba do 13%, constituíndo xa o 52% dos peregrinos que reciben acreditación. O
principal camiño, o Camiño Francés, creceu nun 7%, mentres o global do resto das rutas aumentou nun 18,6%.
Deste xeito realizaron a ruta do Camiño Francés o 68% dos peregrinos con
Compostela, o que demostra a diversificación das mesmas, ao ter aumentado o
peso do resto dos camiños.
Tamén o número de turistas aloxados nos
establecementos regrados de Galicia no acumulado ata setembro foi sinalado
durante o encontro ao experimentar un aumento do 6,5%. Estes resultados débense
ao bo comportamento da demanda, principalmente nos últimos 6 meses. O
comportamento do mercado internacional é aínda máis positivo, cunha suba do
15,2%. A ocupación media hoteleira tamén aumentou en 1,26 puntos.