O sector marítimo-pesqueiro galego factura
4.700 millóns de euros e representa o 50% do emprego neste sector no conxunto
de España. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana,
no acto de inauguración da Conferencia Internacional El futuro de la pesca,
que se celebrou esta mañá na sede da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo
con motivo da celebración do seu 50 aniversario.

Ademais a titular de Medio Rural e Mar
trasladou que a nosa comunidade ten unha frota operativa de máis de 4.600
buques que desembarcaron o pasado ano nos portos galegos 175.000 toneladas de
diferentes especies por un valor económico de 440 millóns de euros. Por
sectores específicos, dixo que a acuicultura emprega a máis de 6.432 persoas
que o pasado exercicio extraeron 183.000 toneladas de mexillón que xeraron unha
facturación de 150 millóns de euros. No caso da cadea de transformación e
comercialización salientou que a conserva galega supón o 84% da produción
española, xerando o 78% do emprego deste sector en España, o que fai que o noso
país sexa a primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo.