A cidade condal puido degustar as últimas
novidades da cociña galega a través das creacións dos integrantes do Grupo Nove
que reinterpretaron receitas tradicionais co produto galego como gran
protagonista.
Entre outros pratos, os asistentes puideron
degustar raviolis de tenreira galega con allo asado e pistachos; vieiras con
cabaciña, perlas de soia e miolos crocantes; brandada de bacallau con allada;
cremoso de congro con areas da praia e follas da marea; anguías do Ulla;
canelóns de galiña piñeira; lacón con grelos, etc.
A enogastronomía converteuse na segunda
motivación pola que os turistas elixen Galicia como destino. Neste senso, a
directora de Promoción de Turismo de Galicia resaltou os máis de 20 produtos
enogastronómicos con distintivos de calidade que avalan os produtos galegos e
as 12 Estrelas Michelin que obtivo a nosa comunidade a semana pasada así como
os 29 Soles Repsol e as 51 Q de Calidade que certifican a excelencia e calidade
dos nosos cociñeiros e restaurantes.