A Xunta
destinou desde o 2012 ata a actualidade un total de 13,8 millóns de euros para
a modernización de adegas vitícolas galegas. Díxoo esta mañá a directora xeral
de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, na inauguración da III Cata Amateur
Ruta do Viño Rías Baixas.
A titular de
Produción Agropecuaria fixo fincapé na importancia do sector vitivinícola galego
no conxunto do sector agrario, un elemento clave na dinamización
socio-económica da nosa Comunidade, polo que desde a Administración “debemos
protexelo e impulsar ao máximo o seu desenvolvemento”, dixo. Neste sentido,
destacou a importancia da Denominación de Orixe Rías Baixas, a máis importante
de Galicia en produción, con máis de 17 millóns de litros comercializados o
pasado ano.
Patricia Ulloa
tamén destacou o labor e esforzo que realizan os máis de 6.000 viticultores e as
case 180 adegas que se dedican á produción de albariño. Así, fixo mención aos
“acertos rotundos” das tres apostas que fixeron para consolidarse nos mercados
nacionais e internacionais. Entre estas iniciativas están a integración
realizada entre os axentes do sector das comarcas do Salnés, O Condado e O
Rosal, as tres grandes comarcas vitícolas da provincia de Pontevedra. A segunda
das apostas foi a viticultura de calidade baseada nas variedades autóctonas e nomeadamente no
albariño e a última das iniciativas foi a tecnificación na elaboración dos viños respectando sempre a tradición.
A
responsable de Produción Agropecuaria trasladou que a día de hoxe o gran reto
do sector vitícola é a comercialización “reto no que a Xunta de Galicia está a
poñer gran empeño, promovendo o consumo dos nosos viños, tanto con accións
directas como xestionando e facendo chegar ao sector un importante volume de
axudas con este fin”.