Acoso xustificado

Axentes do Servizo de Gardacostas en colaboración con axentes da Policía Autonómica e da Garda Civil realizaron un operativo en Carril (Vilagarcía de Arousa) que se saldou coa incautación dunha embarcación e co comiso de máis de 280 quilos de ameixa.

Por unha banda, nas inmediacións do porto de Carril, os axentes requisaron unha embarcación da sétima lista por carecer de documentación. A bordo da embarcación ían dúas persoas e os axentes identificaron á persoa que a conducía. Esta persoa conta con antecedentes por marisqueo ilegal.

A embarcación levaba no seu interior camarón e dous trueiros. Antes de que os axentes de Gardacostas procedesen a requisalos, o marisco e os aparellos foron lanzados ao mar polos
ocupantes da embarcación. Ademais os ocupantes da embarcación perforaron a embarcación para afundila, obstruíndo o labor de inspección dos axentes. Durante esta intervención, preto de onde foi incautada a embarcación, os axentes tamén requisaron un capacho con 23 quilos de mestura de ameixa xapónica e fina.


Por outra banda, tamén en Carril, os axentes procederon á apertura dun furgón propiedade da confraría desta localidade, que foi aberto polo patrón maior do pósito previo requerimento. No seu interior atopábanse 264 quilos de ameixa babosa, que foi requisada por ser de talla antirregulamentaria. A mercadoría foi trasladada á lonxa para ser resembrada esta noite.