O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe
a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar que regula e convoca para 2015 as
axudas para o financiamento de accións de
cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no
ámbito agroalimentario, agrícola e forestal. A estas axudas, cofinanciadas co
Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o departamento que
dirixe Rosa Quintana destina 910.000 euros.
Por novo produto enténdese a obtención dun ben
anteriormente inexistente; o novo proceso implica a obtención dun novo uso
transformado para unha materia prima preexistente e por nova tecnolóxica, a
mellora da eficiencia dun proceso produtivo.
Poderán acceder a estas axudas as organizacións
ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou
silvicultura, empresas ou industrias transformadoras do sector agrario,
alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e
forestal. Ademais na realización da actividade subvencionada poderán participar
os axentes cooperantes, podendo adquirir esta condición os produtores do sector
agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades
relacionadas coa produción primaria. Tamén poden adquirir a condición de
axentes cooperantes os centros de investigación e experimentación da Consellería
do Medio Rural e do Mar e centros tecnolóxicos participados por ela, así como
outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.
As iniciativas de cooperación que poden ser
obxecto de subvención son aquelas que ofrezan saídas alternativas ou
incrementen o valor engadido dos produtos agrarios e os seus transformados e as
que introduzan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de produción e
transformación agroalimentaria. Tamén as que permitan o desenvolvemento de
fontes renovables de enerxía de orixe agraria e forestal en Galicia e os
proxectos piloto enmarcados nalgunha das iniciativas anteriores.