A Catedral de Santiago acolle un belén tradicional de 55 metros cadrados, que
neste pasado fin de semana xa atraeu a millares de turistas e que poderá
visitarse ata o vindeiro 7 de xaneiro. As máis de 550 pezas que compoñen este
espectacular Belén están decoradas, realizadas e talladas a man de forma artesanal
por destacados imaxineiros do mundo do Belén. A escenografía, realizada “in
situ”, componse, principalmente, de materiais naturais como madeira, vexetación
e cortiza de sobreira.
Xunto ás escenas máis tradicionais como o
nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, o Belén
mostra diversos acontecementos da vida cotiá e oficios.
O dito Belén comezouse a construír no ano
2006, tardando dous anos na súa elaboración, montándose por primeira vez no
Nadal do 2008 en Madrid. Durante estes anos, foi exhibido en distintos lugares,
cun grande éxito e afluencia de público. Para a súa exposición na Catedral de
Santiago, incluíronse novos elementos arquitectónicos e novas escenas que fan
do Belén da Catedral unha mostra única. As figuras da parte exipcia,
realizáronse en exclusiva para esta ocasión, así como algunhas concretas da
parte hebrea.