Galicia Calidade en ruta achégase a Cambados

A campaña Galicia Calidade en ruta achégase mañá a Cambados (praza do Concello, a partir das 12 horas), por medio dun camión adaptado onde o chef cambadés Yayo Daporta protagonizará unha exhibición de cociña –showcooking- con produtos do país. Pola tarde, a partir das 18 horas, serán os sumilleres José Luis Aragunde e Eulogio Pomares, terceiros nun concurso mundial de catadores celebrado na rexión de Champagne (Francia), os que dirixan unha cata comentada de viños.

Antes, ás 11.30 horas, no mesmo trailer de Galicia Calidade, o alcalde, Luis Aragunde, xunto con representantes das adegas e depuradoras participantes, presentarán aos medios informativos a terceira edición da cata e maridaxe dos viños escumosos da DO Rías Baixas  coas ostras de Cambados. Este evento vaise celebrar o vindeiro domingo 14, a partir das 12 horas, no salón de congresos Peña.

A campaña Galicia Calidade en ruta aposta por seguir accedendo aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos, e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.


A campaña promocional está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalería, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade. Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado que, ademais de Cambados, visita as principais cidades e vilas galegas.