Un roadshow no interior dun camión adaptado percorrerá as cidades de Santiago de Compostela (28 e 29 de novembro), Ourense (2 de decembro), Pontevedra (6 de decembro), Lugo (9), Vigo (12 e 13), Ferrol (16) e A Coruña (19 e 20) dentro da campaña Galicia Calidade en ruta, e no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade.
A iniciativa está destinada a profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescriptores, para promover as virtudes dos produtos certificados pola marca de garantía.
Nas sete cidades galegas desenvolveranse dúas accións diferentes. A primeira delas, denominada "Esencial", consiste nunha degustación de "bocados de Galicia Calidade", elaborados polos chefs Marián Rodríguez e Iván Méndez e que ofrecerá unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos. A segunda, denominada "De viños Galicia Calidade", consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección de prestixiosos sumilleres como Xoan Cannas.
Nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña tamén se realizarán dúas accións máis en cada unha delas, con especial atención aos almorzos e ás conservas. Así, o "Almorzo Galicia Calidade" ofrecerá a combinación dun almorzo de calidade con café, leite, froitas, doces e outros produtos, baixo a direción do coñecido barista Oscar de Toro. A mostra "A Lata de Galicia Calidade" pretende destacar o valor e a versatilidade das conservas amparadas por este selo e o seu desenvolvemento en receitas gastrónomas.
A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, que cumprirá 20 anos en 2015, e é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 250 produtos certificados, de 51 empresas diferentes.
A directora xeral de Comercio e presidenta de Galicia Calidade, Sol Vázquez Abeal, defendeu que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas para acceder aos mercados internacionais, xa que representa o “ADN galego dos produtos e servizos e o compromiso coa calidade”.
Con esta nova estratexia preténdese conseguir que, “pouco a pouco, os consumidores e usuarios identifiquen Galicia = Calidade. Non só nos produtos da gastronomía, que ninguén dubida da súa calidade, senón noutros ámbitos económicos”. A directora xeral de Comercio salientou que esta aposta pola calidade “é o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes”.