Galicia Calidade, o mellor pasaporte das empresas galegas

A campaña Galicia Calidade en ruta, que percorreu as sete cidades galegas, arrancando o pasado 28 de novembro en Santiago  e rematando onte na Coruña, achegou a preto de 3.000 persoas a excelencia dos produtos gastronómicos galegos amparados por este selo de garantía.

Ademais, máis de 800 persoas participaron nos talleres e showcookings realizados no camión adaptado no que se desenvolveu a iniciativa, dirixidos a profesionais do sector da gastronomía, prescriptores de opinión, bloggers e xornalistas. A campaña tivo tamén unha ampla repercusión nas redes sociais, onde alcanzou unha audiencia de máis de 500.000 usuarios únicos en Facebook.

Segundo o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, a campaña é unha “experiencia moi positiva” xa que permitiu “poñer en valor a excelencia dos produtos certificados” entre consumidores especializados. Segundo explicou, é necesario que os galegos “coñezan ben os seus produtos para despois competir  nos mercados máis esixentes”.


Neste sentido, Cabaleiro defendeu que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas porque representa o seu compromiso co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.