Un ano máis, a Comunidade Autónoma de Galicia, lidera a oferta de
establecementos turísticos certificados co Q de Calidade Turística, dentro do
Sistema Turístico de España. Dun total de 268 establecementos e servizos
turísticos certificados, Galicia conta con 110 aloxamentos hoteleiros, casas de
turismo rural e cámpings distinguidos con este selo, o que a sitúa como
primeira neste sector.
Galicia pecha 2014 con 58 establecementos hoteleiros certificados co Q
de Calidade turística, dous cámpings e
50 aloxamentos rurais. Deste xeito, a Comunidade galega conta con oito
hoteis certificados máis que en 2013 e, no turismo rural, lidera o ránking
nacional.
Neste eido, Galicia conta con preto do 50% das casas rurais certificadas
e, en 2014, constituíuse como o territorio con más hoteis e apartamentos
turísticos distinguidos -58, dun total de 406-.
Por outra parte, Galicia, co máis do 21% dos balnearios de España
certificados co Q de Calidade turística, lidera con oito establecementos as
distincións de calidade turística neste sector. No eido dos campos de golf distinguidos co Q de Calidade turística en
2014, a Comunidade galega conta con dúas certificacións, o que a sitúa tamén no
primeiro lugar de España neste ámbito do turismo deportivo.
Galicia é a comunidade autónoma española que conta tamén con máis
instalacións náutico deportivas distinguidas con esta marca de calidade. Así,
no litoral galego están certificadas 13, das 20 instalacións de toda España, o
que supón o 65% de distincións totais.
Ademais, a Comunidade galega, con catro empresas certificadas, lidera o
ámbito do turismo activo -44,4% do total das distincións- e, con dous
establecementos distinguidos co Q de Calidade turística, conta co 100% dos
locais de ocio nocturno. No ámbito do turismo industrial, Galicia tamén é líder co máis do 54%
dos servizos turísticos certificados, con 13, sobre un total de 24.