A Consellería do Medio Rural e do Mar leva
aprobadas actuacións de creación e recuperación de soutos de castiñeiros en máis
de 400 hectáreas. Estas actuacións enmárcase dentro das axudas para o fomento
de primeira forestación de terras non agrícolas e supoñen unha inversión por
parte da Consellería de preto de 580.000 euros. A maiores, á convocatoria deste
ano, que será resolta proximamente, a Consellería do Medio Rural e do Mar
destinou 6,6 millóns de euros.
Sinalouno a conselleira do Medio Rural e do Mar
durante a visita a unha plantación de castiñeiros situada no monte de Nogueira
e pertencente á comunidade de montes de Santo Estevo de Anllo, do concello lucense
de Sober. Durante a visita, a titular de Medio Rural e Mar destacou que este
souto de castiñeiros constitúe un exemplo de posta en valor do noso monte, neste
caso para a produción e a comercialización da castaña en Galicia.
A superficie que comprende a plantación é de máis
de 12 hectáreas e está prevista para 1.247 plantas de castiñeiro híbrido
inxertado. Ademais esta iniciativa comprende traballos de roza, de arreglo da
pista, inxertado e fertilización, entre outros e contou cunha subvención da
Consellería do Medio Rural e do Mar de máis de 16.000 euros.