Impluso ao aproveitamento sustentable de terra para uso agrícola

A futura Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (METAGA) impulsará o aproveitamento sustentable da terra coa identificación de zonas idóneas para a produción de cultivos. Así o sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que explicou que a identificación destas zonas se realizará a través dos Plans de Ordenación de Predios de Especial Vocación Agraria (POPEVA).

A conselleira indicou que este plan se redactará para cada zona de reestruturación parcelaria e subliñou que deberá ter en conta criterios de carácter técnico que ordenen o uso do solo, de xeito que se poida xerar unha maior riqueza produtiva agraria. A METAGA promove a participación directa na elaboración destes plans e noutros documentos e tamén propón permitir a xestión das masas comúns con vocación agraria co compromiso de utilizar os beneficios na parroquia.


Por outra banda, esta norma promove como alternativa ás persoas propietarias de fincas que non se atopan en disposición de conservalas adecuadamente, a súa incorporación ao Banco de Terras. Neste sentido, o proxecto de lei propón que se permita a declaración de determinados perímetros de fincas como abandonados cando se dean circunstancias como o risco de incendio, que xa fosen obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas explotacións existentes.

Así, os titulares destes terreos deberán optar entre traballalos, arrendalos de forma privada a terceiros que os traballen ou ser incorporados ao Banco de Terras. De non optar por ningunha destas tres vías poden ser sancionados en base á Lei de Mobilidade de Terras con sancións que oscilarán entre os 300 e os 3.000 euros.