Este ano Galicia experimentou unha importante
mellora dos niveis de demanda turística correspondentes aos aloxamentos
regrados cun incremento do 6,9% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados nos
once primeiros meses do ano e do 4,8% no que atinxe ás pernoitas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, destacou que se rexistraron crecementos continuados nos viaxeiros desde
a Semana Santa ata o pasado mes con incrementos de maior intensidade na
temporada media cando se realizaron diferentes eventos de gran repercusión na
nosa Comunidade como o paso da Volta Ciclista, a celebración de congresos como
o I Congreso de Peregrinacións e Turismo ou outros acontecementos culturais
como o Womex.
O incremento da demanda produciuse en todas as
tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento das
pernoitas situouse no 4,5% nos primeiros once meses do ano mentres que no
extrahoteleiro a suba ascendeu ao 6,3%. O turismo rural e as pensións foron os
establecementos con ascensos máis acusados, concretamente do 16,8% e en case o
12% respectivamente.
Nestes once meses aumentaron os dous grandes
segmentos de mercado. Subiu o turismo nacional nun 3,2% consecuencia dun maior
volume de viaxeiros españois e o turismo internacional tamén presenta un
comportamento positivo superando nun 10,9% o volume de pernoitas do pasado ano.
Esta mellora supón que o mercado internacional acada no que vai de ano
outro máximo histórico tanto de volumes, superando xa o millón de viaxeiros e
rozando o 1,75 millóns de pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando o 26,9% dos viaxeiros e
o 21,5% das pernoitas totais.