O gasto dos
turistas internacionais superou en Galicia os 45 millóns de euros no mes de novembro,
o que supón un aumento de máis do 23% con respecto ao mesmo mes de 2013,
segundo as cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur
elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
Nos once
primeiros meses do ano, os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade 845.295.267
euros, o que supón un incremento de máis do 20% en comparación ao mesmo período
do ano 2013. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en
Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio, manténdose,
por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.
O gasto
medio por turista, nos once primeiros
meses do ano, foi de 870,63 euros. Mentres que no mes de outubro a cifra
ascende a 907,94 euros, un 18,1% mais que no mesmo mes do ano 2013.
En canto ao
gasto por persoa e día, no mes de novembro ascendeu a 116,43 euros,
experimentando un leve incremento en relación ao mesmo mes de 2013.
Francia,
Portugal e Reino Unido son, por esta orde, os países que xeraron un maior gasto
total en Galicia nestes primeiros once meses de 2014, supoñendo o 18%, 13% e 12%
do total, respectivamente. A continuación destes, os países que xeraron mais
gasto na nosa comunidade foron Estados Unidos, Suíza, Italia e Alemaña.