Mercado da Estrela, artesanía no Centro Galego de Arte Contemporánea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto unha serie de actividades no Centro Galego de Arte Contemporánea con motivo das festas de Nadal, ao longo de decembro e xaneiro. Estas iniciativas enmárcanse dentro do conxunto da programación que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ten despregado nestas datas nos museos e bibliotecas da súa titularidade por toda Galicia.

Durante esta fin de semana, as instalacións do Museo acollen a terceira edición da feira creativa  ‘Mercado da Estrela’, na que artesáns, produtores e emprendedores amosarán o seu traballo e darán a coñecer as súas coleccións de ilustración, moda, bixutería, complementos, fotografía, bonecos, decoración, obxectos para o fogar, papelería, adornos de Nadal, produtos enogastronómicos e agroalimentarios e postos solidarios.


O mercado complementarase con obradoiros lúdicos e interxeneracionais e un servizo de gardería- ludoteca para os cativos. As xornadas estarán amenizadas por bandas musicais que presentarán os seus últimos traballos.