A Consellería de
Economía e Industria destina 2,2 millóns de euros a potenciar o importante
traballo que realizan a prol do comercio local os centros comerciais abertos e
as asociacións de praceiros, figuras clave para o reforzo, desde o
asociacionismo, da competitividade do
comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante
dinamizador das vilas e cidades galegas.
Así, mediante este programa impulsarase a posta en marcha de
campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes e proxectos de
sinalización comercial externa, ademais de financiar o funcionamento das
unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras
en instalacións e equipamentos.
O obxectivo é superar as cifras da convocatoria de 2014, na
cal obtiveron apoios un total de 52 centros comerciais abertos e 22 asociacións
de prazas, o que redundou no beneficio de máis de 5.000 pequenos comercios
agrupados nelas, e na posta en marcha de máis de 500 actuacións, entre as que se
atopan campañas de Nadal ou rebaixas, noites en branco ou sistemas de desconto
para clientes en aparcadoiros.
As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a
partir da súa publicación, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos
ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función
da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos
asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda
é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.