Turismo de Galicia e Turespaña asinan convenio

Turismo de Galicia e o Instituto de Turismo de España (Turespaña) asinaron un convenio de colaboración para a adscrición de bolseiros nas Consellerías de Turismo no exterior. O dito convenio, que manterá a súa vixencia durante dous anos, é froito da aposta de Turismo de Galicia e Turespaña pola formación de profesionais en mercados turísticos emisores para así contar, nun futuro próximo, con expertos especialistas na busca de novos mercados cuxa demanda se axuste ás características de nosa oferta turística nacional en xeral e galega en particular.

Turismo de Galicia é consciente da crecente presenza de Galicia nos mercados internacionais e da importancia que ten contar con especialistas en mercados emisores de turismo. Neste senso, a administración turística galega considera esencial formar a profesionais que teñan un coñecemento específico na demanda dos ditos mercados.

Deste xeito, habilitarase unha orde de convocatoria de bolsas onde determinaranse o número de bolseiros, as oficinas das Consellerías de Turismo onde se levará a cabo a formación e a duración da mesma -sendo o período máximo un ano-.


Os bolseiros adscritos participarán, dentro do seu plan de formación, na actividade desenvolvida polas Consellerías de Turismo no marco do plan de obxectivos para a promoción exterior do turismo. Así, participarán no desenvolvemento de actividades de promoción, información, comercialización, realización de estudos e análise sobre o comportamento dos axentes do mercado turístico así como outras funcións que permitan ampliar os seus coñecementos sobre promoción turística internacional.