O
Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (Amtega) incorpora unha nova aplicación libre na nube ao CDTIC Virtual.
Trátase de Xeshostal, unha
ferramenta pioneira no Estado para mellorar a xestión dos pequenos
establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos, que foi
liberada o ano pasado pola Amtega en colaboración co Instituto de Estudos
Turísticos de Galicia (IETG) dependente da Axencia de Turismo. Con Turismo de
Galicia
Este aplicativo permite aos pequenos
establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos
ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das
características dos mesmos; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou
mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que
afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de
limpeza...
A través do CDTIC Virtual os
pequenos establecementos poderán probar directamente as utilidades de Xeshostal
e avaliar a súa adecuación ás necesidades do seu negocio, sen necesidade de
facer ningunha instalación ou configuración que requira de infraestrutura
tecnolóxica ou de coñecementos informáticos. Este servizo do CDTIC Virtual
busca facilitar aos xerentes e propietarios dos establecementos a toma de
decisións de cara a realizar a inversión
que requira o despregue do aplicativo no seu negocio.
Os establecementos hostaleiros
interesados en probar esta ferramenta na nube, poden cursar a súa solicitude a
través da web do CDTIC: https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual.