A colaboración no eido turístico como panacea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a colaboración entre o departamento que dirixe, o sector privado e as outras institucións de promoción turística como un “elemento clave” para o éxito do turismo galego que nos 11 primeiros meses do ano 2014 medrou un 6,9% en relación ao mesmo período do ano 2013.

Nunha entrevista no programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, Nava Castro referiuse ao traballo conxunto entre Turismo de Galicia e o sector privado para coñecer mellor a demanda turística de Galicia e desenvolver accións de promoción e comercialización unidireccionais.

Así, engadiu, que en 2014, e tras a creación do clúster Turismo de Galicia, tivo lugar a participación conxunta con este grupo empresarial en distintos eventos como a feira World Travel Market e está prevista a asistencia aos certames FITUR de Madrid e ITB de Berlín, xa en 2015, ademais da organización de viaxes de familiarización para axentes de viaxes ou xornalistas.

Ademais, neste ámbito, a directora de Turismo de Galicia salientou tamén a colaboración institucional entre os distintos departamentos públicos con competencia na promoción e apoio á comercialización turísticas, citando como exemplo o programa ‘De tapas por Galicia’, que ao longo do pasado outono aglutinou baixo unha mesma marca os certames de tapas das sete cidades galegas e que, segundo manifestou Nava Castro, “en vez de realizarse de xeito individual, desenvolveuse de forma colectiva para atraer turismo de proximidade”

No ámbito da colaboración público-privada, Nava Castro tamén se referiu ás accións que se levan a cabo nos mercados internacionais, dos que citou, en Asia, Xapón, Corea e China; en Hispanoamérica, Brasil, Arxentina, México e Colombia; e os mercados emisores tradicionais de Galicia, Francia, Italia e Gran Bretaña  “e por suposto, Portugal, que marca a tendencia e que volverá a incrementar a súa presenza”.