A España Verde promocionará conxuntamente o surf como produto turístico común

A promoción e difusión conxunta do produto turístico surf constituirá unha das apostas máis decididas da marca turística España Verde da que forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco para atraer visitantes ás súas costas ao longo de 2015.

Nesta política común enmárcase a promoción do Pantín Classic Galicia Pro’, que ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional. De feito, na última edición inscribíronse 183 surfistas de  moi distintos países, dos que 110 foron homes e 73 mulleres.
Por iso, en 2015, a ‘Pantín Classic Galicia Pro’ xa ten reservadas as datas, entre o 1 e o 6 de setembro, para a celebración da súa edición número 28 dentro do elenco das máis prestixiosas competicións deste deporte náutico.

Os catro territorios do norte de España contan con vantaxes competitivas neste eido dentro do ámbito español e así, espérase que este produto chegue a converterse nun dos catro produtos vertebradores da marca España Verde.

Dese xeito, xa ao longo de 2015 desenvolveranse accións de promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste produto que comezará a comercializarse baixo a denominación ‘Surfing Northern Spain’ .

Segundo os resultados das distintas xuntanzas levadas a cabo polas catro comunidades autónomas que conforman a marca España Verde, o vindeiro ano levaranse a cabo distintas accións de promoción nos principais mercados emisores da marca, entre eles Gran Bretaña, Alemaña e Italia.


Deste xeito, para 2015 está prevista a organización dunha viaxe de familiarización para xornalistas e outra para operadores turísticos dos anteditos países. Tamén se prevé a inserción de información turística sobre as posibilidades do surf no territorio da marca España Verde en medios de comunicación especializados de Gran Bretaña.