Alto ritmo promocional

Turismo de Galicia iniciou esta semana a campaña de promoción de 2015 coa presentación da oferta turística galega en Holanda e Finlandia, nos que presentou as principais novidades para este ano e promocionou o Camiño de Santiago e o turismo náutico. Así, dende o pasado día 13 e ata hoxe, 18 de xaneiro, Turismo de Galicia participa na feira Vakantiebeurs, de Utrecht (Holanda), onde está a difundir os valores turísticos da Comunidade galega.

Neste certame, no que España é o país convidado, o organismo da Xunta encargado da promoción turística de Galicia centra a súa presenza na difusión da oferta turística xeral da Comunidade galega, o Camiño de Santiago e o turismo náutico.

Nesta feira o departamento de Turismo da Xunta de Galicia presta unha atención especial á promoción do Camiño de Santiago ao obxecto de difundir o fenómeno das peregrinacións a Compostela en Holanda e incrementar o número de peregrinos desta nacionalidade que o ano pasado supuxeron xa un total de 3.458, un 1,45% máis que no ano 2013.

A presenza de Turismo de Galicia na feira Vakantiebeurs ten tamén como obxectivo reforzar a promoción do turismo náutico neste mercado emisor, que conta cunha clara vocación náutica e ofrece un gran potencial para Galicia.

Por outra parte, Turismo de Galicia está presente na feira MATKA de Helsinki, onde está a promover a oferta turística xeral de Galicia e as súas principais novidades para este ano 2015 así como o fenómeno das peregrinacións a Compostela. Nesta feira, os dous primeiros días estiveron dedicados aos profesionais do turismo mentres que os días 17 e 18 o público xeral pode acudir tamén a este certame.

Por outra parte, Turismo de Galicia ten previsto participar ao longo deste mes nas feiras Thermalies, Holiday World e FITUR. Así, entre os días 22 e 25 de xaneiro, o departamento de promoción turística da Xunta de Galicia estará no Carrousel du Louvre, en París, para promover o turismo termal galego no certame Thermalies.

Logo, Turismo de Galicia participará na feira Holiday World, de Dublín, para difundir os valores turísticos galegos entre o público irlandés. Por último, a Comunidade galega participará de xeito global na feira FITUR 2015, de Madrid, un dos certames turísticos máis importantes de mundo e un dos mellores escaparates para a promoción turística de Galicia ao comezo do ano.