O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a
orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan as axudas aos
plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, cun orzamento de
2 millóns de euros.
Os solicitantes desta axuda deberán estar
inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia. Así mesmo, cando aporten dereitos de
replantación propios para a reestruturación das parcelas deberán telos
inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia ao seu nome na data de finalización
do prazo de solicitude.
Estas axudas aplicaranse ás superficies de viñedo
da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación,
nas que se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos
ou melloras das técnicas de xestión de viñedos. O prazo máximo de execución de
ditos traballos -solicitados ao abeiro desta convocatoria- é o 15 de xuño de
2016.
O réxime de axudas levarase a cabo a través de
plans que agruparán aos viticultores solicitantes das axudas, nos que figurarán
as operacións solicitadas por cada un deles para as súas explotacións. Estes plans
poderán ser anuais ou plurianuais, cunha duración máxima de 5 anos, sen que en
ningún caso se estendan máis alá do exercicio financeiro 2018.
Os plans de reestruturación e reconversión
poderán ser de dous tipos: colectivos (constituídos por un mínimo de 5
viticultores) ou individuais. A superficie total reestruturada e/ou
reconvertida no marco dun plan será de, polo menos, 1 hectárea para os plans
colectivos e 0,5 hectáreas para os plans individuais. A superficie máxima
elixible será de 15 hectáreas por viticultor e ano de convocatoria. A
porcentaxe máxima de axuda sobre o importe dos investimentos finalmente
aprobados será do 50% para os plans colectivos, e do 35% para os plans
individuais.