O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe
a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan as axudas
para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios
e forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural
(FEADER). A dotación orzamentaria para estas achegas é de 8.654.000 euros.
Estas axudas teñen por finalidade incentivar
os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e
modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación
e comercialización de produtos agrarios e forestais. Neste caso, os
investimentos no sector vitivinícola quedan excluídos, xa que para este sector hai
unha orde específica de axudas -publicada no DOG o pasado 7 de xaneiro- que
contempla achegas para investimentos relacionados coas instalacións de
elaboración e as relacionadas coa comercialización do viño. A convocatoria para
2015 ten un orzamento de 2,7 millóns de euros, rematando o prazo de
presentación de solicitudes o vindeiro 31 de xaneiro.
Poderán optar a estas axudas as empresas que
vaian realizar investimentos en transformación e comercialización de produtos
agrarios, así como as microempresas dedicadas á serradura de madeira. En
concreto serán subvencionables os investimentos en activos fixos materiais para
a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia;
tales como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles -excepto a compra
de terreos- e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os
programas informáticos e os soportes lóxicos.