Chega o entroido

Cigarróns de Verín
O Entroido é por definición a festa máis subversiva do ano. Unha festa na que os costumes se relaxan, os roles se inverten e un pode rir de todo. O Entroido galego  é ademais unha celebración de longa tradición popular, sobre todo na provincia de Ourense.

Oito carnavais galegos exhiben con orgullo a cualificación oficial de "Festa de Interese Turístico" e máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o Luns ou Martes de Entroido ou o Mércores de Cinza. Unha celebración por todo o alto á que calquera se pode unir.

Pantallas de Xinzo
Co marchamo de Festa de Interés Turístico Nacional temos o Entroido de Verín e o de  Xinzo de Limia, ambos na provincia de Ourense; ademais están declarados Festa Galega de Interés Turística o Entroido de Cobres, en Vilaboa (Pontevedra); o de Laza (Ourense); o Entrolido dos Felos de Maceda, en Maceda (Ourense); o dos Xenerais do Ulla; o de Viana do Bolo –coincide coa festa da androia- e o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, tamén na provincia ourensana.


Hai tamén outra lei que se cumpre estritamente: a dos banquetes gastronómicos. Porque en Galicia o Entroido acompáñase sempre dunha boa mesa. Unha cociña de gorentosos pratos, perfecta para reparar forzas, que ten como protagonista o porco e de acompañantes as patacas, os grelos e os garavanzos. De sobremesa, filloas, orellas, bica; e de remate, un bo licor café.