Unha representación da directiva do porto
municipal da localidade francesa de La Rochelle visitou esta mañá as
instalacións do Real Club Náutico de Portosín, no municipio coruñés de Porto do
Son, para interesarse polas potencialidades náuticas desta infraestrutura de
cara a posibles accións conxuntas no futuro. A delegación francesa visita estes
días a nosa comunidade no marco dun encontro institucional con Portos de
Galicia.
O ente público que preside José Juan Durán está
a desenvolver diferentes accións promocionais dos peiraos de titularidade da
Xunta de Galicia, entre as que figuran a sinatura dun protocolo de colaboración
global para todo o litoral galego e a visita a algúns dos portos deportivos de
referencia da nosa comunidade. Deste xeito increméntanse as iniciativas
desenvolvidas pola Administración portuaria galega de cara á situar a Galicia
na primeira liña do negocio náutico europeo e optimizar o aproveitamento
económico desta actividade.
O porto des Minimes-La Rochelle funciona baixo
a xestión dunha empresa pública, de titularidade municipal, e supón o referente
principal do sector náutico recreativo no Arco Atlántico. Conta cunhas 5.000
prazas de amarre, o que supón un tercio do total das existentes en Galicia e
unha facturación anual de arredor de 12 millóns de euros. O seu presidente,
Christian Marbach, o director do porto e a tenente de alcalde de La Rochelle
conforman a delegación que visitou hoxe o RCN Portosín co obxectivo de ampliar
posibilidades de negocio.