Liña de axudas para produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para 2015 das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia (PDR) 2007-2013. Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), polo MAGRAMA e pola Xunta de Galicia, e contan cun orzamento de 1.760.000 euros.


A finalidade destas achegas é financiar accións de información e promoción dirixidas a animar ao consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos. A novidade principal é que, ao tratarse da última convocatoria que se fará con cargo ao actual PDR, non se contempla a posibilidade de accións plurianuais, de xeito que se poderán financiar accións que se desenvolvan no ano 2015, coa data límite para as actuacións, do 4 de setembro.