Segundo as
cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur -elaborada
polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo- o gasto dos turistas
internacionais en Galicia no pasado ano 2014 foi de 895.230.334 euros, o que
supuxo un incremento do 19,5% con respecto ao ano 2013.
No mes de
decembro o gasto total dos turistas estranxeiros superou na nosa comunidade os 49
millóns de euros -49.935.067 euros-. Esta cifra aumentou, en relación ao mesmo
mes do ano 2013, preto dun 10%.
O gasto total
do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende
o mes de maio. Mantívose, polo tanto, unha tendencia positiva no 2014 con
incrementos por encima do 20% interanual en case todos os meses do ano.
O gasto
medio por persoa mantívose estable en relación ao ano 2013, con máis de 850
euros de media. No pasado ano 2014 o gasto medio por persoa subiu
principalmente nos meses de temporada media –en maio, xuño e outubro-.
A nivel
estatal, Galicia ocupa a cuarta posición no ranking de intensidade de
crecemento do gasto total. En canto aos
países que xeraron un maior gasto total en Galicia, o pasado ano 2014 foron
Francia, Portugal e Reino Unido, por esta orde, co 18%, 13% e 12% do total,
respectivamente.