O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto que regulará a declaración de festas de interese turístico de Galicia para os efectos do seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia. Este novo decreto recolle o espírito da norma anterior, vinculando as Festas de Interese Turístico ás manifestacións populares de carácter cultural como instrumento de promoción turística; e mellora a calidade destas mediante unha regulación máis esixente, incrementando a antigüidade mínima para acreditar o enraizamento da festa e incorporando novos requisitos e criterios de valoración coa finalidade de conceder ás declaracións un recoñecemento e prestixio que se corresponda coa importancia da distinción de Festa de interese turístico máis acorde cos tempos actuais.
Este decreto vén a desenvolver a previsión legal, concretando os requisitos que deben cumprirse para optar á declaración de festa de interese turístico de Galicia, os seus efectos, así como o procedemento para a declaración, a súa vixencia e a perda da condición de festa de interese turístico de Galicia.
O dito proxecto de decreto estrutúrase en 21 artigos, organizados en catro capítulos, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras; complétase cun anexo relativo ao procedemento para a solicitude de declaración de festa de interese turístico.
As festas declaradas de interese turístico de Galicia manterán a súa declaración en tanto en canto cumpran cos requisitos deste decreto, coa excepción da antigüidade que non se esixirá.