Os
portos de titularidade autonómica de Galicia recibiron 7.781 barcos en tránsito
durante o pasado ano 2014. Así o recolle o balance anual realizado por Portos
de Galicia, o ente público responsable destas infraestruturas. Segundo datos
facilitados polos propios xestores, as dársenas autonómicas comprendidas entre Ribadeo
e Baiona incrementaron nun 9% de media o número de embarcacións en tránsito
respecto ao ano anterior. Así recalaron nos portos autonómicos un total de 7.129
barcos destas características.
Deste
xeito, a costa galega confirma a consolidación desta actividade portuaria que
experimentara xa en 2013 un importante ascenso e que, no último exercicio,
mellorou os seus resultados, acadando un novo récord histórico. Polo que
respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron
estranxeiras, con predominancia das francesas, seguidas de británicas.
Nunha
análise porto a porto, o peirao que recolleu maior número de tránsitos foi o de
Muros, con 821; seguido de Camariñas, con 784; e Viveiro, con 569. Por
municipios, o que recibiu máis embarcacións deste tipo foi Baiona, con 935
tránsitos entre os seus dous peiraos deportivos; seguido de Sanxenxo, cos 888
que suman entre as instalacións sanxenxinas e a de Portonovo.
Por
comarcas, a Costa da Morte experimentou unha forte subida nos dous peiraos,
Camariñas e Muxía, que rexistraron en 2014 un total de 784 e 306 tránsitos
respectivamente, fronte aos 773 e 161 do ano anterior. Tamén destaca o
incremento experimentado na ría de Arousa, onde se acadaron 1.078 tránsitos, un
12% máis que o ano anterior, entre os peiraos de Cabo de Cruz, A Pobra, Ribeira
e Vilanova. Nesta zona, a cifra máis alta rexistrouse na Pobra do Caramiñal,
con 566 tránsitos, e a principal subida en Cabo de Cruz (Boiro), que medrou un
160%, pasando de 109 en 2013 a 283 tránsitos no pasado ano.