A Xunta de
Galicia, a través de Turismo de Galicia, promoveu esta fin de semana en Irlanda
a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago na feira sectorial Holiday
World Show, en Dublín.Trátase do principal certame turístico de
Irlanda que este ano celebra a súa XXV edición, nunha contorna especialmente
afín a Galicia.
Así, a afinidade do público irlandés e o
interese deste polos recursos turísticos galegos, sobre todo os relacionados
coa natureza, así como o Camiño de Santiago, fan desta feira unha plataforma
perfecta par promover o destino turístico Galicia.
Nesta edición, Turismo de Galicia fará especial fincapé na promoción do
Camiño de Santiago entre os cidadáns irlandeses, xa que máis de 5.000
peregrinos desta nacionalidade fixeron a Ruta xacobea o pasado ano. Irlanda foi o sétimo país do que máis turistas recibiron a
Compostela en 2014, tras Francia, Estados Unidos, Portugal, Alemaña, Italia e
España.
Por outra parte, Turismo de Galicia promove estes días no Carrousel do
Louvre, en París, a oferta termal de Galicia, dentro da feira Thermalies na que
a Xunta conta cun stand propio para difundir os valores termais galegos.
Nesta feira, participa tamén xunto a Turismo de Galicia a Agrupación
Empresarial Innovadora Termal de Galicia (AEITEGAL) que conta cun espazo propio
para intermediar directamente co público que asista estes días de feira.
Dentro da programación dos certames turísticos nos que participará
Turismo de Galicia este mes de xaneiro salienta a Feira Internacional de
Turismo de Madrid, FITUR 2015, na que o departamento de promoción turística da
Xunta de Galicia terá un protagonismo especial con máis de 30 presentacións da
oferta turística galega.