Turismo de Galicia, de feira en feira

A Xunta amplía en 2015 o calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de xeito que ao longo dos vindeiros 12 meses Turismo de Galicia participará en 31 certames sectoriais, catro máis que no ano 2014. Galicia promoverase turisticamente en  20 certames internacionais e 11 nacionais, o que sen dúbida  posibilitará a difusión mundial dos valores turísticos da Comunidade galega.

Como novidade, este ano, Turismo de Galicia reforzará a promoción do cicloturismo e a práctica da bicicleta todo terreo nos certames Fiets En Wandelberurs, de Amberes (Bélxica) e Unibike, de Madrid. Ademais, o departamento de promoción turística da Xunta ampliará a presenza do Camiño de Santiago nos mercados turísticos internacionais coa presenza na feira Koinè, de Vicenza (Italia), e levará os produtos e servizos turísticos da Comunidade galega a Canadá, coa participación na feira Tourism & Travel Show, que se celebrará o mes de outubro en Montreal

Un ano máis, o turismo galego estará presente nos principais mercados turísticos do mundo, entre os que salientan a Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, en xaneiro; a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, en marzo; ou a World Travel Market (WTM), de Londres, en novembro. Ademais, o turismo galego estará nos mercados emerxentes de Xapón, na feira JATA; Rusia, no certame MITT; Brasil, na feira Festuris; ou Finlandia, no certame Matka.

No ámbito español, o turismo galego estará representado en todos os certames turísticos organizados nos principais mercados emisores para Galicia. Deste xeito, ademais de FITUR, Turismo de Galicia participará nas feiras de carácter xeneralista Navartur, en Navarra, en febreiro; B-Travel,  antigo (SITC) de Barcelona, en abril; e o Salón de Turismo INTUR, en Valladolid, no mes novembro.