Turismo Rías Baixas terá presencia importante en Fitur

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou hoxe en rolda de prensa que Turismo Rías Baixas acudirá a Fitur dentro do stand de Turgalicia cunha presenza propia tanto do organismo como dos concellos.

Louzán anunciou que, ademáis doutros actos que se están ultimando, o día 28, Dia de Galicia no que estará o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, será a presentación da oferta de turismo das Rías Baixas e dos concellos da provincia a 150 touroperadores, representantes de axencias e operadores turísticos de todo o mundo, no Hotel Eurostarstowers, de Madrid.

Ao dia seguinte, o 29, a Secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, e o presidente do Instituto para la calidad turística española, Miguel Mirones Díez, farán entrega á Deputación dos dous únicos distintivos Q de Calidade que se concederon en Galicia a oficiñas de turismo, as dúas de Turismo Rías Baixas: a situada no Palacete das Mendoza e a do Mosteiro de Armenteira.

O día 30, finalmente, será presentado no Stand de Turismo de Galicia o produto "Rías Baixas, azul, playa y sabor a fiesta". Trátase dun libro singular que se irá actualizando de ano en ano e que recolle as festas de interés turístico internacional, nacional ou autonómico dos 62 concellos da provincia e as praias da provincia con bandeira azul.


Na provincia de Pontevedra concentranse, en apenas 70 kilómetros, 59 praias con bandeira azul. Sanxenxo, Cangas, Vigo e O Grove son os concellos que máis distincións atesoran.