Viaxe no tempo polo Parque Nacional Illas Atlánticas

Illa de Sálvora
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas organiza por segundo ano consecutivo o programa de rutas guiadas Descubrindo o Parque Nacional, que pon en marcha o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. En total organízanse cinco rutas e visitas guiadas gratuítas aos arquipélagos do Parque Nacional Illas Atlánticas.

Con este programa de visitas preténdese animar aos cidadáns a coñecer os valores destes enclaves naturais fóra da tempada de verán, nunha época de menor afluencia, e na que se descobre os seus valores dende outro punto de vista. Estas visitas fanse con grupos reducidos coa fin de poder ofrecer a máxima calidade de visita a este espazo protexido.

A primeira das actividades, que leva por título Unha viaxe no tempo, está programada para o día 14 de febreiro e o destino é o arquipélago de Cíes. Trátase dunha ruta lineal de dous quilómetros, na que poderán participar un máximo de 40 persoas. A previsión é saír do porto de Vigo ás 10:30 horas, para chegar ás 18:00 horas ao mesmo punto. Non obstante, as persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do 10 de febreiro.


As outras catro rutas son: o 22 de febreiro ao arquipélago de Sálvora, o 7 de marzo a Ons, e por último, á illa de Cortegada con dúas visitas, o martes 5 e o domingo 15 de marzo.