Apio á industrialización e comercialización de produtos agroalimentarios galegos

A Xunta dedica este ano un total de 23 millóns de euros a apoiar a industrialización e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos e outros 4,8 millóns á promoción e apoio dos produtores das marcas de calidade, para promover a ampliación produtiva. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante o acto de entrega do premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo San Simón da Costa.

A conselleira felicitou á DO premiada e, en termos máis xerais, puxo en valor o papel dos consellos reguladores como “garantes do esmerado labor que realizan os produtores, os comercializadores –na procura de abrir novos mercados– e a Administración, prestando ese apoio preciso para a promoción dos produtos de calidade diferenciada”.

No caso concreto dos queixos galegos amparados cun selo de calidade, Rosa Quintana destacou o seu pulo económico, que se pon de manifesto con datos como o das 4.000 familias, entre produtores e transformadores, que viven en Galicia desta actividade, ou os 5 millóns de quilos de produto certificado no último exercicio contabilizado, cun valor económico superior aos 31,5 millóns de euros.