Un grupo de nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados en
información turística comezan hoxe unha viaxe de familiarización organizada por
Turismo de Galicia co obxectivo de promover o Entroido galego, especialmente
aqueles declarados de interese turístico.
Nesta viaxe, que se estenderá ata o vindeiro martes día 17, os blogueiros
e os profesionais da información turística poderán coñecer os entroidos da
Comunidade galega e participar nos principais eventos que terán lugar estes
días, especialmente nos relacionados con aqueles declarados de interese
turístico.
Esta actividade pecha o programa previsto por Turismo de Galicia para
promover o Entroido 2015, logo de que o pasado día 24 de xaneiro celebrase un
desfile dos entroidos de interese turístico de Galicia na cidade de Santiago de
Compostela e desenvolvese unha acción de difusión masiva a través do encarte
dun folleto en todos os xornais de Galicia o pasado domingo.
O programa da viaxe comezou en Ourense, onde os participantes coñeceron os principais recursos termais da cidade, ademais dun dos entroidos
urbanos con maior participación. Hoxe domingo estarán no desfile
de Entroido da vila de Verín e logo trasladaranse ata Viana do Bolo para
participar na Festa da Androlla e coñecer así os personaxes e o ambiente entroideiro
deste concello ourensán.