O Consello Galego de Turismo reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para, entre outros asuntos, avaliar os datos turísticos de 2014. Durante a sesión, a directora de Turismo de
Galicia, xunto co director de Competitividade, presentaron o estudo de seguimento
do Plan Integral de Turismo de Galicia. Nesta liña, traballouse na actualización
dalgúns dos obxectivos plantexados no dito plan co fin de marcar novas metas a
acadar nos vindeiros dous anos.
Segundo explicou Nava Castro, isto é necesario debido
a que, co espectacular crecemento do turismo en Galicia nestes dous últimos
anos, acadáronse no ano 2014 algúns dos obxectivos propostos de maneira inicial
neste Plan Integral para o ano 2016. Este é o caso da cifra de viaxeiros aloxados en
establecementos regrados que, no 2014, superou o obxectivo marcado dos 4
millóns de turistas ao contabilizarse 4.042.776.
Así mesmo, o número de viaxeiros internacionais que
elixiron a nosa comunidade no 2014 superou o obxectivo do millón plantexado polo
Plan, ao rexistrarse 1.063.612. Tamén foron superados os obxectivos previstos
para o gasto que realizaron estes viaxeiros internacionais xa que no pasado ano
gastaron na nosa comunidade un total de 895.230.334€, fronte a cifra obxectivo
dos 836 millóns de euros.
Galicia rexistrou o pasado ano un incremento no seu número de pernoitas do 4,5%
superando a tasa crecemento medio a nivel estatal -3,1%-. Deste xeito, a nosa
comunidade situouse no posto oitavo do ranking de comunidades solo por detrás
dos destinos tradicionalmente turísticos.
A responsable de Turismo resaltou tamén o
peso que acadou o pasado ano os turistas internacionais na nosa comunidade, representando xa un 21,2% das noites e rexistrando un crecemento en
relación a 2013 do 10,6%. Nesta liña, destacou o incremento dos turistas
procedentes de Alemaña –co 2,3% das noites-, Francia –co 2,2%-, Italia –co 2%-
e EE.UU. –co 1,4%-. A responsable de Turismo explicou a importancia que conleva
que por vez primeira o mercado americano superou en volume e peso ao británico.
Por outra banda, nesta reunión foi presentado o proxecto de decreto
polo que se regulará a profesión de guía de turismo de Galicia. Unha das grandes novidades que introducirá
este novo decreto é o procedemento de
habilitación directa baseada na posesión de determinados títulos -Técnico superior en guía, información e
asistencia turísticas ou Grao ou diplomado en turismo- sen necesidade da
superación das probas específicas vixentes na actualidade. Outra das principais novidades é a duración
indefinida da habilitación, sen que sexa necesaria a súa validación cada 5
anos.