O presidente da
Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os representantes dos balnearios da
provincia asinaron o “Convenio de colaboración para o fomento do
termalismo saudable e a cultura termal” 2015, unha iniciativa que supón a posta
en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde
termal.
A convocatoria ábrese
mañá para todos os beneficiarios que desexen inscribirse no programa. Inclúe
modalidades de estancias de 6 días ou de fins de semana nos cinco
establecementos balnearios da provincia de Ourense: Arnoia, Laias e Lobios,
pertencentes ao grupo Caldaria, e os de Baños de Molgas e O Carballiño, aos que
se sumará en breve o Balneario de Cortegada. O programa tamén contempla
tratamentos de termalismo, actividades culturais e “Viaxes termais” dende máis
de 40 estacións de tren de diferentes comunidades autónomas, que inclúen prezos
especiais nos billetes e traslados dende a estación de Ourense aos balnearios,
ida e volta.
Manuel Baltar asinou o
convenio con Rafael Luaña, representante do Grupo Caldaria Termal; Eduardo
Laherrán, do balneario de Baños de Molgas, e José María de la Figuera, do Gran
Balneario de Carballiño. Tamén estiveron presentes no acto de sinatura os
alcaldes dos concellos ourensáns que contan con establecementos balnearios:
Lobios, Cenlle, O Carballiño, Baños de Molgas, Arnoia e Cortegada, e o director
da Área de Benestar da Deputación de Ourense, José Juan Cerdeira, quen explicou
os aspectos técnicos do programa de “Termalismo saudable 2015”.