Palas de Rei acada a categoría de municipio turístico

Castelo de Pambre
O Consello da Xunta declarou municipio turístico ao concello de Palas de Rei, na provincia de Lugo. Galicia conta así con 43 municipios turísticos nas catro provincias galegas. Coa incorporación de Palas de Rei, a provincia de Lugo conta con 12 municipios turísticos: Ribadeo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada, Viveiro, Foz, Quiroga, Samos, Lugo, Sarria, Sober e Palas de Rei.

O concello de Palas de Rei conserva na actualidade numerosos restos arqueolóxicos testemuña dun remoto asentamento castrexo. Nos anos 702 e 710 foi reino visigodo o que acredita un pasado histórico de relevancia que acada o maior período de prosperidade na Idade Media grazas en boa parte ao
Camiño de Santiago.

Os seus vestixios románicos son numerosos destacando na arquitectura relixiosa a igrexa de Vilar de Donas, un dos referentes principais do románico galego, declarada en 1931 monumento histórico-artístico.Conta ademais cun amplo patrimonio histórico, cultural, artístico e paisaxístico, destacando o Castelo de Pambre, as Torrentes de Mácara, ou a Serra de Careón, entre outros moitos. 

O castelo do Pambre constitúe o monumento máis representativo, xa que foi a única fortaleza que resistiu a revolta irmandiña de 1467. Esta xoia patrimonial constitúe un auténtico reclamo turístico non só para o concello se non para toda a provincia.

O seu patrimonio natural conta con importantes espazos protexidos como a Serra de Careón cunhas especiais características no subsolo que a converten nunha área de grande interese xeolóxico a nivel peninsular.