Ser nomeado concello turístico é agora máis difícil

O Consello da Xunta aprobou o proxecto do novo decreto que regulará a declaración de municipios turísticos de Galicia logo do seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia. Este novo decreto engade novas exixencias co propósito de que a declaración de municipio turístico implique para o concello un compromiso real e efectivo dirixido a potenciar o sector turístico no seu termo municipal como área económica, social, cultural e de imaxe.

Os municipios turísticos declarados con anterioridade á entrada en vigor do decreto manterán a súa declaración en canto cumpran cos requisitos e servizos mínimos establecidos no novo decreto. Para aqueles municipios turísticos declarados con anterioridade á súa entrada en vigor, que non reúnan os requisitos establecidos neste, establécese un prazo de catro anos para a súa adaptación. 

Os requisitos e servizos mínimos que deben cumprir os concellos para que proceda a declaración continúan sendo que a poboación turística sexa superior ao 25% do número de veciños, que o número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia sexa superior ao 50% do número de veciños e que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún recurso o servizo turístico susceptible de
producir unha atracción turística que xere unha cantidade de visitantes cinco veces superior á súa poboación.