Jesús González |
A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acaba de
presentar oInforme de Actividade do ano 2014. A peche de exercicio,
as principais magnitudes da IXP tiveron incrementos significativos, por encima
do 4 % con respecto ao ano 2013, e máis dun 9 % comparativamente co quinquenio
2009‐2013. Así mesmo, no ano 2014 os prezos en orixe mantiveron uns niveis
razoables, un pouco por encima dos do ano anterior, que xunto coa estabilidade
dos custos das materias primas e dos insumos, favoreceron a rendibilidade das
explotacións.
A nivel produtivo, o número de explotacións gandeiras
inscritas na IXP é de 7.670, unha cifra lixeiramente superior á do ano 2013 que
foi de 7.665. Se se compara co período 2009‐2013, o crecemento é dun 4 %, un
feito moi significativo tanto para o sector como no contexto rural
actual. Non obstante, mantívose a disminución do censo de nais e do
cruce industrial nas explotacións de leite, o que orixina unha certa escaseza
de gando de recría para cebar.
O número de tenreiros rexistrados pola Denominación foi de
120.447 cabezas, o qu supón un aumento do 4,6 % con respecto ao ano 2013. No
tocante ao número de canais certificadas pola IXP, o aumento anual foi tamén
dun 4,6 %, acadando as 85.246 canais, e comercializáronse 18.633 toneladas de
carne amparada por Ternera Gallega, que significaron un crecemento dun 8 % con
respecto ao ano anterior.
Na IXP están inscritas e activas na actualidade 82 industrias e
comerciais cárnicas, as máis significativas das que existen en
Galicia para a carne de vacún. O seu número creceu durante o ano 2014 polo
incremento das comerciais cárnicas. O volume de negocio, tendo en conta as
transaccións comerciais realizadas entre a industria e a distribución, foi de
108,1 millóns de euros, un 9,5 % máis con respecto ao ano 2013, como
consecuencia do importante aumento da actividade e a melloría dos
prezos.