Nesta semana, Turismo de Galicia participará na feira Fiets en
Wandelbeurs, de Amberes, centrada no turismo de natureza, e no workshop de
turismo de reunións The Meeting Space
Spring, que se desenvolverá na cidade francesa de Cannes. Así mesmo, o
organismo da Xunta de Galicia encargado da promoción turística da Comunidade
galega, participará, por quinto ano consecutivo, na feira especializada en
ornitoloxía, FIO.
Turismo de Galicia participará entre os días 28 de febreiro e 1 de marzo
no certame turístico Fiets en Wandelbeurs, dedicado fundamentalmente ao
sendeirismo, á bicicleta e aos deportes de contacto coa natureza. Neste certame, ademais o departamento de promoción turística da Xunta de
Galicia difundirá tamén os valores do Camiño de Santiago e a oferta relacionada
coa Ruta Xacobea.
Así mesmo, Turismo de Galicia participará entre os días 26 e 28 de
febreiro na xuntanza de traballo The Meeting Space Spring, un dos principais
foros de encontro entre provedores e destinos turísticos británicos, alemáns,
rusos e dos países nórdicos especializados no mercado de turismo de negocios
–congresos, convencións e reunións de empresa-.
Polo que respecta á feira FIO, que se celebrará entre os días 27 de febreiro
e 1 de marzo no Parque Nacional de Monfragüe en Cáceres, Turismo de Galicia
instalará un espazo de promoción independente a través do que dará a coñecer a
oferta galega relacionada coa ornitoloxía.