Segundo os datos publicados no día de
hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xaneiro
Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos
establecementos regrados do 12,3%, ata situarse en 142.315. Subiron tamén no
pasado mes as pernoitas nun 2,6%, contabilizándose 261.888 no conxunto da Comunidade.
Deste xeito, por vez primeira desde o
inicio da crise a mediados do 2008, Galicia rexistrou un incremento da demanda
en termos interanuais neste primeiro mes do ano.
Segundo os datos do INE, neste mes de xaneiro,
Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo nos dous grandes segmentos de
mercado. Subiu o turismo nacional, nun 1,8%, consecuencia dun maior volume de
viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia
–incrementáronse nun 10,7%-, e incrementouse o turismo internacional superando
nun 14,7% o volume das súas pernoitas e nun 22,5% a súa cifra de viaxeiros.
Neste primeiro mes do ano o 84% da demanda
turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu ao mercado nacional
mentres que o 16% restante foi internacional.
A nivel estatal incrementáronse tamén
os niveis de demanda regrada no primeiro mes do ano. En concreto a cifra de
viaxeiros aloxados subiu nun 7,8% e a das pernoitas nun 3,1%. Galicia foi a
quinta comunidade co incremento mais intenso en termos de viaxeiros.