Segundo os datos do Instituto
Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de
xaneiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos
seus establecementos hoteleiros galegos do 11,9% ata situarse nos 136.110
viaxeiros. Deste xeito, por vez primeira dende o ano 2008 a cifra de viaxeiros
aloxados no mes de xaneiro creceu en termos interanuais.
Subiron tamén as pernoitas
rexistradas no primeiro mes do ano na nosa comunidade nun 1,9% ata acadar preto
de 250 mil neste período.
A nivel estatal rexistrouse tamén un
comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de
viaxeiros aloxados coma das pernoitas –incrementáronse nun 7,6% e nun 4,1%
respectivamente-. Compre destacar que, en termos de viaxeiros, a nosa
comunidade rexistrou no pasado mes a cuarta taxa máis elevada de incremento
interanual, só superada por Castela A Mancha, Asturias e Madrid.
O turismo receptor presentou no
pasado mes de xaneiro un comportamento positivo na nosa comunidade. Así, o
turismo receptor nacional incrementou a cifra de viaxeiros nun 8,4% e as súas
pernoitas nun 9,2% e o turismo receptor internacional un 22,5% os seus
viaxeiros e un 13,6% as súas pernoitas. Deste xeito, confírmanse neste primeiro
mes do ano dúas tendencias: a recuperación do turismo nacional procedente de
fóra de Galicia e a continuidade do crecemento do turismo internacional.
A ocupación hoteleira tamén mellorou no
pasado mes de xaneiro en 0,3 puntos porcentuais. Neste ámbito o incremento
deste ano engádese ao rexistrado nos dous anteriores – a ocupación subira en
0,5 puntos en 2013 e en 0,3 puntos en xaneiro de 2014-.
Así mesmo, as tarifas hoteleiras en Galicia
subiron tamén no primeiro mes do ano, nun 1,6%, situándose en 46,2 euros de
media. A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xaneiro,
acontecida nun contexto de subida dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos
hoteleiros da nosa comunidade incrementar os seus niveis de rendibilidade en
relación ao mesmo período do 2014 –o RevPar subiu un 8,4%-.