O Parque Nacional
Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas acollerá o vindeiro 10 de marzo as I Xornadas
para profesionais dos medios de comunicación sobre este espazo. O lugar de realización
desta xornada é o Edificio Cambón, que acollerá a un máximo de 65
participantes, que deben acreditar que son profesionais dos medios,
preferentemente en activo. Esta actividade inclúe unha inauguración, a
presentación das características do parque, unha visita ao centro de visitantes
e embarque dende o Porto de Vigo ata Cíes para a realización dunha visita
guiada.
O período de inscrición comprende dende o 18
de febreiro ao 5 de marzo de 2015. No caso de que as solicitudes superen a
oferta de prazas, a participación estará suxeita á orde de chegada de
solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos respecto aos destinatarios. Os
participantes admitidos que finalmente non poidan asistir, deberán comunicar a
súa renuncia o antes posible, co obxecto de poder chamar a outras persoas da
lista de espera.
O obxectivo fundamental destas xornadas é ofrecer
aos profesionais do sector da comunicación unha información actualizada e
precisa sobre os aspectos máis relevantes deste espazo protexido, único da súa
categoría en Galicia. Neste sentido, os medios de comunicación estarán máis
formados para exercer unha divulgación eficiente dos valores naturais e
culturais do parque, que vaia máis aló dos seus atractivos turísticos e polo
tanto, axude á súa conservación.